EDIFICIO PORTA PEQUE

A “Aula Arqueolóxica do Megalitismo doVal do Salas e da Serra de Serra de Leboreiro” proxectouse con idea de dar a coñecer o Megalitismo das terras da Baixa Limia. Apoiándose no rico legado existente na zona, máis de 200 monumentos catalogados nos municipios que forman esta comarca ourensana, a nova instalación pretende divulgar este fenómeno prehistórico, arquitectónico e monumental sempre en función da súa integración no Megalitismo Europeo Atlántico, do que forma parte, así como da súa relación inseparable cos megálitos portugueses doutro lado da fronteira, que sumados aos da Baixa Limia achéganse case aos 350 monumentos.

 

Para iso contextualiza os megálitos da zona, fundamentalmente dolmens, no período Neolítico, construídos por sociedades agrícolas cunha agricultura do cereal e gandeira uns séculos despois da introdución destas novidades económicas. Representan, polo tanto, a expansión das sociedades agrarias en moitos lugares da Europa occidental. 

 

Nestas terras, como no resto do noroeste peninsular, ten unha antigüidade de máis de 6.000 anos, desenvolvéndose aproximadamente entre o 4300 e o 3000 cal AC (3500-2200 a.C. en datas de carbono 14).

 

O nome de Megálito procede do grego megas(grande) e lithos(pedra) e refírese fundamentalmente a tres tipos de monumentos: o menhirou pedra fincada, o cromlechou circo lítico e o sartego funerario, habitualmente coñecido como dolmen. A inmensa maioría dos megálitos da Baixa Limia son dolmens. 

 

O dolmen é un panteón funerario dun grupo familiar extenso. Moitos investigadores ven nel un elemento para sinalar a propiedade do territorio que habitaban a través da utilización simbólica dos antepasados.

 

A Aula tamén mostra o método de construción dun megálito, coa entrada orientada á saída do sol no solsticio de inverno, así como maquetas dos tipos principais (dolmens simples, dolmens de corredor e pequenas cámaras rectangulares ou cistas) e dos elementos que o forman o monumento (o dolmen ou anta e o túmulo ou mámoa) 

 

Nos faltan os materiais arqueolóxicos que aparecen no interior, obxectos que formaban parte do enxoval que acompañaban aos defuntos alí enterrados. Soen ser ferramentas cotiáns e elementos de adorno pétreos. Entre as primeiras, puntas de frecha, micrólitos de pedra tallada, machados, aixadas, ciceis de pedra e pulimentada, cerámicas con formas moi sinxelas e outras máis tardías que respostan a reutilizacións posteriores dos dolmens.

 

Os  monumentos aparecen tanto illados como agrupados, formando necrópoles. Os emprazamentos preferentes son lugares chairos ou en ladeiras moi suaves e en posicións variadas: cumios de outeiros, mesetas das divisorias de augas, vaos fluviais e  portos de montaña. Moitos destes lugares están ao lado de vellos camiños, balizando os lugares esenciais para o tránsito, quizais sacralizándoos. 

 

Distribúense con desigual densidade por toda a comarca, pero existen dúas concentracións sobresaíntes, ás que se recomenda a visita con dúas rutas tamén recollidas nesta Aula Arqueolóxica:

 

-O circuíto megalítico de Val do Salas (Maus de Salas e Requiás-Guntumil), ruta mantida en estado de visita polo Concello de Muíños e sustentada en catro monumentos representan de tres tipos esenciais de dolmens do noroeste: Casiña da Moura; Casola do Foxo e M1 e M5 de Outeiro de Cavaladre, arquitecturas que destacan na beleza deste val de montaña.

 

-A ruta da Serra de Leboreiro: con numerosos monumentos megalíticos, algúns escavados na zona portuguesa do alto da Serra.  A especial distribución e tamaño dos monumentos fan desta serra unha paisaxe megalítica que non deixará indiferente ao visitante.

CONTACTO

Escribe a turmuinosconcello@gmail.com para realizar reservas o consultas sobre el turismo de Muiños.

Tel. 639 03 00 34

SÍGUENOS

  • Facebook Black Round
  • Twitter Black Round